Remontando a Pasolini
Despois da súa estrea en Santiago DC, en Xullo de 2014, no desaparecido Breaking Bar, e tras a súa reposición na Facultade de Filosofía da USC o verán pasado, dentro do I Encontro de Nov@s Pensador@s, teño xa no taller a nova versión deste monólogo poético sobre Pier Paolo Pasolini, mito áulico da miña adolescencia. Se todo vai como ten que ir, espero presentalo tanto na Galiza como en Portugal en próximas datas.
As Cinzas de Pasolini, en aberta paráfrase de "Le ceneri de Gramsci", é un exercicio de reconstrución autobiográfica baixo o facho do portentoso escritor e cineasta italiano. Escrito como un longo poema de verso libérrimo, o espectáculo incorpora agora imaxes e proxeccións dos filmes orixinais de Pasolini e novos elementos performáticos, para alén do seu inicial formato en clave de recital.