CARLOSSANTIAGO
Volta e Dálle
O xuíz Salomón da Silva convoca un acto promocional para presentar un invento revolucionario, a DURA LEX PRO 1.0, a máquina de facer xustiza. Víctima dunha conspiración urdida nas intrincadas canalizacións do poder xudicial, o xuíz da Silva quere redimirse dando a coñecer o froito de máis de vinte anos de traballo e investigación.
Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delictivas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos, e a súa irreprochable imparcialidade mecánica.
Ficha artística
Texto : Carlos Santiago I Dirección : Carlos Santiago e Comba Campoy I Interpretación : Pepe Penabade I Deseño gráfico e escenografía : Pancho Lapeña I Deseño de luz : Coco Castro I Produción e Comunicación : Comba Campoy
Sobre "Dura Lex"
Dura Lex xorde da constatación de que algo non cadra no funcionamento da Xustiza na nosa sociedade. A propia democracia ten no poder xudicial un dos seus piares fundamentais, pois por definición non se pode concibir a democracia sen os principios da igualdade perante a lei nin o da independencia do poder xudicial. Con todo, o día a día da vida pública parece desafiar estes alicerces da nosa convivencia en sociedade. Xuízos paralelos na prensa, tribunais aparentemente coaccionados por poderosos grupos de intereses, tratamento desigual das persoas conforme a súa extracción social, corruptelas e demandas de prevaricación no estamento xurídico, crispadas polémicas sobre os dereitos civís e as liberdades públicas, e unha longa ladaíña de fenómenos recorrentes na esfera da xustiza, semellan relar a raíz do ordenamento xurídico democrático. É xa verdade vulgar que a xustiza non funciona, ou é lenta, ou beneficia aos poderosos. A vox populi non ten compaixón cos grandes e fermosos ideais democráticos consagrados nas constitucións: quen fai a lei fai a trampa, e máis quero ver a miña vaca morta que xustiza na porta, que disque a xustiza é cega, mais é só chosca dun ollo.
Todos estes asuntos serán abordados ao longo dun monólogo nada convencional, protagonizado por un xuíz expulsado da maxistratura que tras anos de reflexión e traballo vén presentar en público un invento revolucionario, a Dura Lex Pro 1.0., a máquina de facer xustiza.
Carlos Santiago