top of page

Finlandia

Teatro Biodegradável de Ohio


Finlandia, un espectáculo de alá feito por actores do país. Un cruzamento entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, e se cadra tamén un xeito de esclarecer os solpores xeados da nosa identidade, sexa iso o que for, que tampouco é cousa tan clara como a neve.

 

Unha alegoría sobre Galiza e os desafíos que culturas indíxenas como a nosa deben afrontar na época global, ameazadas pola extinción e o sometemento a un mundo monolítico onde calquera diferenza é interpretada como potencial ameaza terrorista.

Finlandia, estreada na Sala Nasa (Santiago DC) en Maio de 2009, foi un experimento de teatro civil producido e interpretado por un grupo de cidadáns, de variábel experiencia no palco, no que se quería reivindicar o teatro como ferramenta expresiva de toda a sociedade. Dúas mestras, dous xornalistas, un historiador, tres restauradores, un taberneiro, unha estudante, un actor, unha bibliotecaria, un deseñador gráfico, un técnico, un educador social, un fotógrafo, varios pescadores, un escritor, e outras persoas de variados oficios, coa colaboración desinteresada de distintos colectivos, participaron naquela aventura inconformista e escandinava onde o único imposíbel era que a neve deixase de ser branca e comezase a cheirar a chocolate.
 

Ficha artística

Texto : Carlos Santiago I Dirección : Carlos Santiago e Víctor Mosqueira Interpretación : Marga Alborés, Ana Triñanes, Jose Silva, Nuria Sebastián, Alfonso Mato, Carlos Meixide, Expósito Alcocer I Aderezos e desenho gráfico : Pancho Lapeña I Desenho de luz : Doutor Cabaleiro I Música : Jean Sibelius I Múaquillaxe : Mónica García I Produción : Clara Brea I Vídeo : Tomás Lijó I Documentación : Papaghaio, Maria Lojo I Colaboradores : Sala Nasa, Centro Social O Pichel, Café Bar Trece, Asociación de Veciños da Almáciga, Control Z

Todos somos Finlandia

 

Algunhas veces o teatro reborda as cuestións profesionais e chántase diante do espectador con aquela frescura con que os balcánicos xogaban ao baloncesto hai moitos, moitos anos. Con moita heterodoxia e pouca preocupación polas maneiras.
...
E a intención de Finlandia é removerse nunha parodia que faga xustiza da condición algo esquizofrénica do presente galego. É unha parodia medida porque se deixa ir cando lle convén en certas alegorías que van en serio e porque aínda se permite xogar con algunhas transcendencias no seu mesmo terreo.

A montaxe segue un texto con variadas axilidades para o remonte, pasa polo satírico, entretense algo no sainete político, e coquetea cunha certa ironía do contemporáneo. Polo medio de todos eses percorridos quedan todas as alusións á realidade máis inmediata dun país que non acaba de verse nos seus conflictos e que quere confundir as solucións particulares coas xerais. Por esta banda, a obra é máis seria do que os seus diálogos dan a entender en moitas ocasións. Pero a importancia do humor está ben medida e xusto nese cálculo está unha das virtudes do texto e da súa representación.
...
A outra opción que manexa TBO é a excepcionalidade do asunto. Non é teatro para xirar, non é teatro para repetirse e quizais aí vai ao centro dun asunto algo esquecido nas necesidades da profesión: o teatro é para explicarse e para contar historias. En máis dun sentido, Finlandia é un autorretrato pouco condescendente e a estas alturas da romería mesmo se agradece.

 

Camilo Franco

La Voz de Galicia 22 Maio 2009

  • Facebook - White Circle
  • Twitter - White Circle
  • Google+ - White Circle
bottom of page