
CARLOSSANTIAGO

República de Gundián

Andaravía Teatro
No ano 2031, España é unha ditadura constitucional gobernada polo Partido Popular Obreiro Español. Xa non existen concellos nin autonomías e as deputacións provinciais administran todo o territorio. Vítimas dun conflito interprovincial non resolto, os veciños e veciñas de Gundián, unha aldea situada nun recuncho do río Ulla, desafían ao estado español cun ultimato radical: ou soberanía fiscal ou independencia. A crise e o espectáculo están servidos.
República de Gundián é un sainete futurista que reverte a actualidade nunha sátira de política ficción. Foi estreada en Vedra en Xuño de 2013
Ficha artística
Texto : Carlos Santiago I Dirección : Carlos Santiago e Pepe Penabade I Interpretación : Fina Guitián, Dane García, Antonio Vázquez Turnes, Silvia Aldrei, Mayte Vázquez, Inés Bouzón, Hixinio Rodeiro e Rosa Álvarez Prada I Escenografia : Pepe Penabade e Pancho Lapeña I Deseño gráfico : Pancho Lapeña I Desenho de luz : Coco Castro I Música : Carlos Santiago I Técnico de iluminación : Antón Vázquez I Técnico de son : David Alvíns Alvela I Produción : Sonia Balado




Sobre "República de Gundián"
República de Gundián é o froito de oito meses de traballo nos que Andaravía Teatro, compañía de teatro amador impulsada pola Asociación Cultural Papaventos de Vedra, convidou a Pepe Penabade e Carlos Santiago a participar no proceso de creación dun espectáculo de teatro popular. Ambos creadores optaron de partida por recuperar o xénero do sainete e desenvolver unha sátira da actualidade social e política galega en clave de política ficción.
A partir do traballo de improvisación dos actores, foise desenvolvendo o texto do espectáculo. Outros creadores, como o deseñador gráfico e escenógrafo Pancho Lapeña ou o deseñador de ilumincación Xacobo Castro, fóronse sumando ao proxecto para levar a bo porto este pequeno soño teatral, que ten por primeira intención entreter e botar unha ollada irónica e divertida sobre o tempestuoso momento actual.
Andaravia Teatro